Computadoras nun mundo improbable

Hai xa 9 anos deste artigo no que era o meu blogue persoal. Acompañábao de varios vídeos comerciais de diferentes empresas para dalgunha forma establecer o feito de que xa había moita xente que cría no que nel dicía. E tamén, como non, polos propios vídeos.

Hoxe podemos dicir que xa andivemos camiño, por moito que aínda quede por camiñar.

Conectados na curiosidade

 
 
Unha conversa en Twitter lembroume este artigo publicado en no meu blogue persoal Semente do Tempo aló por 2011. Era, ou é en tanto que sigue funcionando, un lugar onde escribía pequenas cousas, algún artigo de iniciación ás computadoras e no que sempre había un oco para avogar tanto por GNU/Linux coma polo software libre. Vou aproveitar para trasladalo aquí e con algunha corrección ou actualización. De feito xa engadín un vídeo comercial máis de Red Hat: Connected Curiosity (2013), como podes ver enriba destas liñas.
 
 

Un chama a un fontaneiro; é posible, incluso habitual, que non dispoña dun servizo técnico contratado (por exemplo, un seguro) ou que de tódolos xeitos coñeza un de confianza, competente, non moi caro e, a diferenza do fontaneiro da aseguradora, que vive no mesmo bloque e pode solucionarcho o problema nese mesmo día. Mais é pouco probable que dispoña de todos os repostos do mundo, polo que tal vez precise achegarse a unha ferretería ou similar a comprar aqueles repostos que precise para o teu caso.

De seguro que o noso amable e veciño fontaneiro disporá dun xogo de ferramentas co que está moi familiarizado; poida que algunha delas estea adaptada para o seu traballo diario, e é que os anos non pasan de balde: algo aprendemos, non?

Cando o noso fontaneiro comprou as súas ferramentas ou os repostos non é probable que tivera problemas burocráticos de ningunha clase: comprou unha chave para torcas de tamaño 16 e un novo grifo, que será o que nos instale para substituír o que temos danado. Todo é moi sinxelo: para practicamente calquera cousa que puidera precisar o fontaneiro hai uns estándares que calquera fabricante pode cumprir.

Cando nos cobre, facturaranos o tempo que nos adicou e o custe dos desprazamentos. Puidera ser que nos facturase tamén unha cantidade por desprazamentos. A lei obriga a proporcionar unha garanta anexa á reparación e vai incluída no simple e obrigado feito de facturar. Un fontaneiro prudente, e o noso veciño éo en grado sumo, terá en conta a eventualidade de ter que desprazarse noutras ocasións para cubrir a garanta e axustará o prezo en consecuencia.

Pasado o tempo de garanta, podemos quitar o grifo co novo xogo de bricolaxe e substituílo por un máis cómodo. O grifo deshauciado podemos levalo para a casa do pobo e reparar por fin o lavabo do piso de enriba. Nin a ferretería reclamará danos nin o fontaneiro clamará polo agravio que supón isto. Ao cabo, o grifo é noso, que para iso o pagamos. Nin sequera é preciso que conclúa o prazo de garanta: simplemente, se facemos tal cousa nin a ferretería nin o fontaneiro aceptarán reclamacións, pero tampouco porán impedimentos nin problemas.

Inda que o certo para as reparacións domésticas é que hai límites legais (por exemplo, as modificacións na rede eléctrica ha de facelas un electricista autorizado, e unha reforma que afecte varios tabiques probablemente esixirá, para a súa aprobación no concello de turno, dun proxecto asinado por un arquitecto), en xerál ninguén terá maior interese en como fas as cousas ou que usos lles das. Podes prestalas, vendelas...

Usar Software Libre é cuestión de comezar por compartir para poder facer cousas novas, cousas útiles, cousas asombrosas.

Do que falamos ao referirnos á Programación Tradicional é que si no canto dun fontaneiro ao que chamas é a un profesional informático para que che faga unha aplicación, farache a aplicación que queiras.. e cobrarache por usala. Unha Licencia de Software é como se a ferretería licenciase chaves do 16: "Segundo os termos desta licencia, autorízase ao comprador (TI) a usar esta chave polo tempo establecido na licencia (por exemplo, un ano), de tal xeito que se precisa que un terceiro (a túa familia) require do uso desta chave, haberá de obter unha licencia propia ... con tales sancións en caso de incumprimento e demais. Se ao tempo da caducidade da licencia quixera seguir a usar o software deberá obter unha nova licencia (ou unha actualización etc.)." As licencias poden incluír cláusulas disparatadas sobre en que equipos poden ou non usarse, e incluso en que condicións. Sona raro?

É doado pensar que usar software libre é máis ético que o sistema do software privativo. Mais na miña opinión, é máis relevante aínda pensar que usar software libre é unha cuestión de senso: ao cabo, é como fas en case calquera outro ámbito da vida. Cando mercas software, mercas a súa propiedade. O programador, por suposto, sigue a ser propietario do seu código, pero ti tamén o es da copia que mercaches. Podes modificalo ou pagarlle a outro para que o faga; podes prestalo ou regalalo, incluso vendelo, se atopas a quen. Non hai razón para que non merques un software entre varias persoas: instálao unha e logo compárteo cos demais.

A persoa que programou ese software o que cobrará é polo seu traballo. Xusto coma se fose un fontaneiro, un albanel ou calquera outro traballador.

Hoxe existe un sistema chamado DRM (Digital Rights Management, Xestión de Dereitos Dixitais), que se usa coa escusa de evitar a piratería. Mais como acostuma acontecer cando das este tipo de ferramentas a grandes empresas, o certo é que van máis alá. Cando mercas un libro obtés xusto iso, un libro. Teño algúns que mudaron moitas veces comigo na miña vida de estudante, e outros que non conseguiron acompañarme. Teño unha versión cutre de 20.000 Leguas de Viaje Submarino á que non lle duran nin as tapas pero ao que lle teño especial cariño por ser o segundo libro que merquei para min de rapaz (o primeiro, regaleino). Mais cando menos as principais plataformas de venta de libros electrónicos usan o sistema DRM de tal xeito que ti descargas o libro a un dispositivo e non só non podes movelo de aí, ou é moi difícil: senón que ademais, se o vendedor deixa de ofrecer ese libro no seu catálogo borrarao do mesmo, eliminando a túa copia de paso.

Certo, o DRM facilita que unha biblioteca poida prestar libros sen que os distribuidores e editoriais poñan o grito no ceo. Mais non é preciso explicar a diferenza entre unha copia en préstamo bibliotecario e unha copia que foi pagada ao prezo pedido polo vendedor.

E certamente, e contra o que puidera parecer, o software libre é o sostén da meirande parte da infraestrutura mundial. Boa parte das webs, incluída esta, que consultas, funcionan con Linux e publícanse en linguaxes libres ou abertas (HTML, Python, PHP...) e usan aplicacións libres para facelas (WordPress, Odoo...). É no eido doméstico e en algúns entornos profesionais onde os usuarios de equipos de escritorio usan Windows ou MacOS. É posible que na túa oficina uses Windows e MS-Office, mais se hai varios equipos que comparten ficheiros dende un equipo concreto, o máis probable é que este use algún sistema Linux. E inda en calquera caso, moitas das aplicacións que usas teñen licencia libre (Firefox para navegar, VLC para ver vídeos...). Incluso o navegador de Windows está baseado en Chromium, un navegador libre de Google.

Fai xa moitos anos que se apostou por conseguir que GNU/Linux proporcionara os mesmos servizos ao usuario que a entón case que única plataforma para computadoras persoais: Windows. Supúxose, erroneamente na miña opinión, que se os usuarios non instalaban GNU/Linux era simplemente porque había certas tarefas que non podían facer en GNU/Linux de xeito sinxelo. Ninguén, ou poucos en todo caso, parou a comprobar a verdade de tal suposición: quizais o feito de que moitos dos usuarios de GNU/Linux non usasen Windows de maneira habitual facilitou que moitos prexuízos se converteran nunha sorte de lei para os propios usuarios e programadores de GNU/Linux.

 
 

Un exemplo disto ocorría cando nos primeiros anos deste século GNU/Linux era moi criticado por non ter un instalador completamente gráfico decente, inda que nesa época Windows XP tampouco o tiña. Tamén era moi preocupante a carencia de moitos drivers con licencias privativas, inda que tampouco Windows XP os traía. Unha vez comentaba con alguén nun foro de software libre, ante a pregunta de Por qué Linux siempre va detrás en todo lo referente a Windows, que realmente non hai coma ir detrás se o que pretendes é seguir a pegada de outro. Hai moitísimas tarefas habituais que teñen soporte en GNU/Linux dende moito antes incluso que en Windows ou MacOS, mais a necesidade de facer as cousas de igual xeito fai que a impresión xeral sexa moi diferente.

Outro exemplo curioso é o do software para facer funcionar tarxetas de rede inalámbricas WIFI: o WIFI xurde para liberar aos usuarios da dependencia dos operadores de rede ou telefonía, e dos fabricantes tradicionais. Podes, se queres, buscar a mítica antena WIFI feita cun bote de Pringles. Mais o feito e que agora unha boa porcentaxe deste tipo de dispositivos usan software privativo para manexala. Por que a ley permite que alguén licencie este tipo de software, e incluso que patente dispositivos deste tipo, sendo como son para manexar protocolos abertos e estándares, é un dos grandes misterios do mundo moderno.
Resulta tentador suxerir que á maior parte da xente non lle gusta producir nada útil. O sistema socioeconómico no que vive instalado o mundo que se chama a si mesmo Desenvolvido crea esa aparencia, para consolidar un modelo social onde a riqueza depende da clase social e  acumúlase en cada vez menos mans. Son os países que chamamos Emerxentes os que, sen tempo para competir cos países ricos nos seus puntos fortes, poden colocar o software aberto e libre no lugar que a sociedade merece.

Prepárate: chegan hordas de desherdados armados con computadoras nas que no seu interior late un corazón libre. Pode ser que isto non cambie substancialmente o mundo dalgúns; para o resto, poderá ser que que ao cabo sexan conscientes de que, por fin, o momento tantas veces postergado chegou.

Libera o teu software. Libera a túa mente.

Se Linux.
Computadoras nun mundo improbable
(@tendaPC) Carlos García 20 de abril de 2025
Compartir esta publicación
Etiquetas
Archivar
FairEmail
Un cliente libre para o teu Móvil