Clientes de correo para Android
PeP e K-9

Inda que hoxe mesmo tiven unha actualización de Fairmail na F-droid, o seu anuncio de deixar de dar soporte a aplicación por mor da denuncia de Google coma spyware volve a traer a discusión para atopar un cliente de correo para Android (e iOS!) libre.

Atopei estas dúas opcións. Dunha beira, p≡p: unha aplicación que pretende facer moito máis doado o uso de correo cifrado. Por outra parte, K-9, unha app máis veterana.

p≡p

Esta app ten unha maneira sinxela de compartir as claves de cifrado, de xeito que non hai que subila a un servidor público para que o receptor poida dispor dela.

Na seguinte galería ilústrase o proceso básico de configurar unha conta de correo. A app arrincou en inglés, poida que porque teño o terminal en galego e esta app non dispón deste idioma, polo que configurei a conta no asistente que propón no primeiro arrinque, e logo só tiven que ir á Configuración para cambiar o idioma a Español.

Logo do 5º paso o asistente lévate á configuración de Android para definir o perfil de gasto de batería. O aforrador suponse que decide que apps poden seguir a funcionar e cales han de pechar para evitar o uso de batería por aplicacións que non están a ser usadas. É moi probable que se queira cambiar este modo polo de sen restricións, que fai que a app nunca sexa pechada incluso cando non estea en uso, agás por intervención do usuario, claro.

Cando se introduce a dirección da conta a engadir unha opción dispoñible é Usar token OAuth 2.0. Isto permite rexistrar a conta rexistrándose na web de turno e dando permiso para que a app poida acceder. Por exemplo, se se tratase dunha conta de Google, aparecería unha fiestra para pór o usuario e contrasinal de Google, e logo outra pantalla para outorgar permiso a app de pEp para conectarse a Gmail.

Odoo image and text block

A maior característica deste cliente é o sistema para compartir claves. Mais nun uso empresarial, o máis habitual é que a maioría dos sistemas de correo das persoas ás que lles escribimos non usen sistemas semellantes, polo que pode ser boa idea aforrar o enviarlle as claves para poder manter conversas privadas connosco. Isto podemos configuralo na opción Configuración -> Privacidade.

p≡p dispón de filtro antispam e en xeral ten todas as características básicas que podes precisar nun cliente para ser usado nun móbil ou tableta.

K-9

Fai xa algún tempo probei K-9, e se ben semellaba funcionar bastante ben, o feito é que era algo engorroso na hora de configurar algúns aspectos da aplicación. Mais polo que se ve mudou bastante e agora ten unha configuración moito máis sinxela, ao punto de ser moi semellante á vista para p≡p.

Inda así poden apreciarse certos cambios. Por exemplo, en K-9 a opción de configuración está debaixo dos cartafoles da conta, mentres que en p≡p ha premerse no botón despregable da conta para ver dita opción debaixo de todas as contas.


openSUSE
Un proxecto maior de idade